De entre os comediógrafos franceses do século XVIII, Pierre de Marivaux é o máis celebrado. Xa moi mozo tivo ocasión de acceder ó salón literario de Madame de Lambert, e alí empezou a xestarse a súa carreira de escritor. Comezou con algunha novela, pero a partir de 1720 abordou o teatro, xénero no que alcanzaría a fama. A meirande parte das súas obras son comedias de enredo amoroso e galante, pero con certas chispas de crítica social e moral, e cunha linguaxe tan refinada que fixo nacer a palabra marivaudage. A mellor de todas elas é, sen dúbida, O xogo do amor e do azar, que serviu de inspiración a outros dramaturgos ata ben entrado o século XIX. O seu prestixio decaeu durante os seus últimos anos, pero renaceu na centuria seguinte, e as súas comedias foron, despois das de Molière, as máis representadas en Francia.