Rosendo Salvado en Australia (1846-1899)
Partindo do material biográfico básico recollido hai anos para a confección dun posible guión para unha película documental sobre os sorprendentes feitos protagonizados polo tudense Rosendo Salvado en Australia, Albino Prada presenta a súa historia neste volume, unha narración comparable a outras máis coñecidas sobre aventureiros, exploradores ou predicadores de diversas nacionalidades polo mundo adiante. Con tal intención divulgativa duns feitos e imaxes que ata o de agora só estaban dispoñibles en voluminosas edicións de difícil acceso (algunhas polo seu ano de publicación, e, no caso das máis recentes, por non estar dispoñibles en galego), Albino Prada constrúe esta historia que se algo aporta, ademais da súa vontade de síntese, é a de ter sido elaborada cunha perspectiva aconfesional, laica e independente. Rosendo transita entre o século XIX e o XXI coma un cosmopolita e culto tudense que na engranaxe dunha institución globalizadora e non sen atrancos serios- deixou unha pegada premonitoria, e aínda actual, para este século XXI: a idea de que outra globalización era posible.